martes, 10 de marzo de 2015

Resultados da primeira xornada da Fase Interzonal de Ascenso a Liga Galega Xuvenil

Chegou o momento da verdade para as Xuvenís coa Fase Interzonal que decidirá que equipos pelexarán contra os últimos clasificados da Liga Galega por unha praza para a vindeira tempada entre os mellores equipos Galegos, e non puideron comezar de mellor maneira con dúas vitorias en dous partidos. Un que se disputou na xornada da mañá ante o San Sadurniño, que se proclamaran recentemente campionas do Grupo A, no que as nosas quedaran na cuarta posición. E a outra contra as segundas clasificadas dos Grupo B o Concepción Arenal Burgas Voleibol.
Estas dúas vitorias deixan as nosas en unha posición inmellorable para pasar de fase e intentar a conquista de unha praza na Liga Galega, empresa que non vai ser doada xa que este ano, estará mais caro ca nunca o poder acadala dada a igualdade existente entre os equipos Zonais e o  bo nivel que ten a Liga Galega.

Club voleibol Atlético Boiro 3 - 2 Aldebarán San Sadurniño
(25-12/16-25/25-13/21-25/15-09)
Comezaban as nosas esta fase na mañá do Sábado cun partido complicado contra o San Sadurniño, que as de Ferrol Terra lles custou entrar nel, cometendo numerosas imprecisións en recepción e ataque no primeiro set.  Pola contra as nosas mostraban un xogo serio e sen fisuras, esta circunstancia propiciou que se abrira unha fenda considerable no marcador a prol das de Boiro, que lles permitiu asinar o primeiro asalto sen problemas por 25-12.
No segundo as de San Sadurniño axustaron a maquinaria e mostraron xa unha mellor versión de si mesmas, reduciron considerablemente os erros e amosaban os dentes con boas xogadas de ataque. Esta vez a fenda no marcador producíase para as visitantes, e os erros eran cometidos polas nosas, chegando as de San Sadurniño os últimos puntos con moita vantaxe e empatando o partido a un co 16-25 final.
O equipo xuvenil posando como equipo
Con un reaxuste táctico para intentar contrarrestar os ataques visitantes, comezaba o terceiro set no que as nosas recuperaban sensacións similares o primeiro set, e tras un inicio de parcial bastante disputado, as nosas lograrían distanciarse no tramo medio, grazas a unha notable defensa apoiadas por un saque eficiente que as visitantes tiñan problemas para poder recibir en boas condicións. As de Boiro tomaban vantaxe no tramo medio, de xeito definitivo ata o 25-13 que adiantaba novamente as do Atlético no partido.
Pero as de Ferrol Terra aínda non dixeran a súa ultima palabra neste partido, comezaron o cuarto set con lixeira desvantaxe no marcador, pero mantivéronse firmes e con un 16-13 a favor das locais, lograron darlle a volta e situarse 16-21 con un parcial de 8-0 aproveitando un baixón das nosas en recepción xunto a unha boa defensa por parte de elas. Finalmente un tímido intento de reacción por parte das nosas, levaría a un intercambio de puntos que situaría o 21-25 que forzaba o 5º set de desempate.
Un desempate no que as de San Sadurniño renunciaron o ataque e agarráronse a posibilidade da defensa esperando o fallo das de Boiro, pero con unha boa mentalidade dende o principio as do Atlético case non cometían erros, iso propiciou que se viran puntos moi longos e disputados que caian a favor das locais grazas a que propoñían mais en ataque que as visitantes. Despois da igualdade nos primeiros puntos, con cambio de campo 8-6 a favor das do Atlético, as nosas tomarían vantaxe con un inmellorable 11-06 que non desaproveitarían e con un intercambio de puntos por ambos lados, as nosas cerrarían un importante e disputado partido por 15-09.


Xogaron polo Atlético Boiro: Celia Piñeiro , Carla Nine, Lara Costa, Rebeca Resúa, Eva Regades, Sara Lojo. Líberos: Sandra Castaño e Minerva Vázquez. Tamén dispuxeron dos seus momentos: Ángela Alves e Claudia Gómez.

Club Voleibol Atlético Boiro 3 - 0 Concepción Arenal Burgas Voleibol
(25-08/25-20/25-15)
Presentábase en Boiro o equipo Ourensan para a disputa no segundo partido da Fase Interzonal. Un equipo que na tempada pasada lograra eliminar as nosas nesta mesma fase, pero esta vez as nosas tiveron ocasión de resarcirse daquela derrota.
As xogadoras loitando na defensa
Non foi un bo partido por parte das do Atlético, pero lograron sacalo adiante sen problemas grazas o acerto en saque, e un mellor oficio no xogo. O primeiro set comezou de xeito estraño, con unha vantaxe de 07-0 a favor das do Atlético, que se vería neutralizada polas Ourensáns por 7-8 a causa de erros inexplicables por parte das nosas, tras un tempo morto solicitado polo adestrador local, as de Boiro retomarían os folgos, e infrinxiulles as visitantes un terrible parcial de 18-0 debido a incapacidade que mostraron para recibir os saques de Rebeca Resúa, que as imposibilitaba para realizaren ataques de xeito óptimo e levabas a cometer numerosos erros en ataque ou no mellor dos casos enviar bolas fáciles as locais ocasionando situacións claras de contraataque que as nosas non desaproveitaban, ata chegar a un claro 25-08.
O segundo set as visitantes comezarían mais combativas, e con boa defensa e algo mais de ataque mantíñanse a tiro de pedra das do Atlético ata o tramo medio no que as nosas encadearon unha serie de erros en ataque e defensa unido a que as Ourensáns estaban mais acertadas, serviulles para distanciarse en catro puntos con 16-20 que acendía as alarmas nas locais e parecía que o set ia caer do lado das Ourensáns, pero as nosas reaccionaron, lograron mellorar xusto a tempo e darlle a volta a situación co 25-20 que situaba o 2-0 no partido.
O terceiro set desenvolveuse de xeito plácido para as nosas, distanciándose dende o inicio, unha tímida reacción por parte das visitantes no tramo medio, logrou acurtar distancias levemente pero non foi suficiente e as do Atlético asinaban a súa segunda vitoria desta Fase co 25-15 do terceiro set, situaba o 3-0 definitivo.
Xogaron polo Atlético Boiro: Celia Piñeiro, Carla Nine, Lara Costa, Rebeca Resúa, Ángela Alves, Sara Lojo. Líbero: Sandra Castaño. Tamen xogaron: Eva Regades, Minerva Vazquez e Claudia Gómez.

Para a vindeira semana as Xuvenís visitan a cancha do ALDEBARÁN SAN SADURNIÑO, no terceiro partido correspondente a Fase Interzonal, o Sábado 14 de Marzo as 11:00 h. No Municipal de San Sadurniño partido que pode ser clave, xa que no caso de ser acadado aseguraría o primeiro posto as nosas, e evitaría o enfrontamento coas Novenas clasificadas da Liga Galega, a priori o equipo mais difícil que podería tocar de cara o ascenso.
Podes premer nesta ligazón para ver como queda a Fase Interzonal despois da primeira xornada. http://www.fgvb.es/competiciones.asp?v=18&torneo=1380



Ningún comentario:

Publicar un comentario